Unha xornada para recordar que a diversidade lingüística é unha ferramenta decisiva para conseguir unha maior comprensión intercultural.
O Día Europeo das Linguas é unha iniciativa do Consello de Europa. Desde 2001 celébrase cada 26 de setembro nos 47 estados membros do Consello. Unha oportunidade para animar a máis de 800 millóns de europeos a aprender idiomas, dentro e fóra da escola e, precisamente, cunha atención especial ás aulas como oportunidade para introducir esta conmemoración nas escolas.
A fértil herdanza cultural europea e as oportunidades para o diálogo intercultural son elementos clave nesta xornada de promoción do plurilingüismo en toda Europa. Por todo o continente multiplícanse os eventos: actividades para e con nenos, programas de televisión e radio, cursos de lingua e conferencias.
Europa é rica en linguas: existen máis de 200 linguas europeas e moitas máis faladas por cidadáns cuxa familia provén doutros continentes. Este é un importante recurso que debe ser recoñecido, utilizado e valorado.
Xa que logo, os obxectivos xerais do Día Europeo das Linguas son:
1. Destacar a importancia da aprendizaxe de linguas e diversificar a variedade de linguas que se aprenden co obxectivo de incrementar o plurilingüismo e a comunicación intercultural.
2. Promover a riqueza da diversidade lingüística e cultural de Europa, que debemos preservar e potenciar.
3. Promover a aprendizaxe permanente de linguas tanto dentro como fóra da escola, xa sexa co propósito de realizar estudos, intercambios, por necesidades profesionais, mobilidade ou pracer.